A Radio Conta celebra o 40 aniversario de Aspace

A Radio Conta A 01No ano 2013 A Radio Conta converteuse no primeiro programa de radio da historia de España en unir emisoras públicas e privadas da cidade da Coruña nunha emisión solidaria conxunta. Chegamos a 2017 cunha dobre efeméride: no noso quinto ano, conmemoramos o 40 aniversario de Aspace Coruña.

Profesionais de Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena SER, COPE, Radio Marca, RadioVoz, Onda Cero, e, como novidade, Radio Intereconomía Coruña formarán unha redacción única, nun programa en directo con moitas sorpresas. Contaremos coa música da Tuna de Veteranos, Sisters In The House, Voodoo e Iago Gordillo. Acompañarannos convidados como o actor Manuel Burque, o cirurxián Diego González Rivas, os cociñeiros Pablo Pizarro e Iria Espinosa de Coruña Cociña ou a profesora Rosario Martínez, que nos achegará a figura da xornalista Sofía Casanova. Todo, aderezado co humor de David Perdomo, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Marcos Pereiro. Esta quinta edición estará dedicada á memoria de Angel Gómez Hervada, quen apoiou activamente este proxecto solidario desde o principio.


Será o sábado, 30.12.17 entre as 17 e as 20h no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A entrada é libre, con donativo voluntario. O programa poderase seguir en toda Galicia a través das frecuencias de Radio Galega e Radio 5.

Aspace Coruña traballa desde hai 40 anos para que as persoas con parálise cerebral e as súas familias teñan unha vida o máis leda posible, e proporciónalles os servizos e actividades que precisen para conseguilo. Actualmente, a entidade atende a 109 usuarios no seu complexo do lugar de Osedo (Sada), con dúas residencias, un centro de día e un centro educativo. Entre os seus proxectos están a construcción dun parque adaptado para nenos e outro biosaludable para adultos; a dotación de axudas técnicas para a vida diaria como guindastres ou unha bañeira-padiola; o acondicionamento dunha das residencias, afectada pola humidade e o paso do tempo e unha nova central de teléfonos para poder comunicar os diferentes despachos e zonas de tratamento da asociación.

A iniciativa está aberta a colaboracións nunha fila cero, a través do número de conta:

ES31 2100 4202 1122 0001 1474 (Caixabank)

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.