As radios da Coruña, unidas por Aspace

Oito emisoras locais participan na quinta edición de ‘A Radio Conta’, un programa conxunto e solidario. Será mañá sábado, 30 de decembro de 17h a 20h no Teatro Rosalía Castro

Profesionais de Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena SER, COPE, RadioVoz, Onda Cero, Radio Marca e Radio Intereconomía Coruña conformarán unha soa redacción, nun programa en directo con moitas sorpresas. O doutor Manuel Viso e o blogueiro Hematocrítico únense a convidados como o actor Manuel Burque, o cirurxián Diego González Rivas, os cociñeiros Pablo Pizarro e Iria Espinosa, o economista Jesús Vázquez ou a profesora Rosario Martínez, que nos achegará a figura da xornalista Sofía Casanova. Contaremos coa música da Tuna de Veteranos, Sisters In The House, Voodoo e Iago Gordillo e co humor de David Perdomo, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Marcos Pereiro. Esta quinta edición estará dedicada á memoria de Angel Gómez Hervada, quen apoiou activamente este proxecto solidario, único en España, desde o seu nacemento.

A entrada é libre, con donativo voluntario que se destinará a Aspace Coruña. Haberá un posto con camisetas, chapas e láminas conmemorativas á venda, así como exemplares do libro ‘Os Nosos‘ sobre o Deportivo e o Celta. Ademais, a agrupación astronómica Ío habilitará un ‘consultorio astronómico‘ na entrada do teatro. Quen non poida acudir, poderá oír o programa desde a casa: na Coruña emitirase a través das radios participantes e, en toda Galicia, a través das frecuencias de Radio Galega e Radio 5.

‘A Radio Conta’ supón o broche de ouro á celebración do 40 aniversario de Aspace Coruña. A entidade traballa para que as persoas con parálise cerebral e as súas familias teñan unha vida o máis leda posible, e proporciónalles os servizos e actividades que precisen para conseguilo. Atenden máis dun cento de usuarios en dúas residencias, un centro de día e un centro educativo situadas no lugar de Osedo (Sada). Entre os seus proxectos están a construcción dun parque adaptado para nenos e outro biosaludable para adultos; a dotación de axudas técnicas para a vida diaria como guindastres ou unha bañeira-padiola; o acondicionamento dunha das residencias, afectada pola humidade e o paso do tempo e unha nova central de teléfonos para poder comunicar os diferentes despachos e zonas de tratamento da asociación.

A iniciativa está aberta a achegas nunha fila cero, a través do número de conta solidaria:

ES31 2100 4202 1122 0001 1474 (Caixabank)

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.