As radios da Coruña, unidas por Asperga

A Radio Conta 2018 - Cartel 500x700mm AF Mock Up

A Radio Conta é un programa solidario realizado por oito radios públicas e privadas da Coruña. A iniciativa chega este ano á súa sexta edición o sábado, 29 de decembro de 2018, ás 17h no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Actuacións musicais, humor e convidados sorprendentes formarán parte desta emisión única, que este ano se dedica a visibilizar e difundir o labor de Asperga, a Asociación Galega de Asperger.

Serán tres horas de radio en directo que se poderán seguir no teatro e nas ondas.
Moncho Viña será o presentador desta festa da radio elaborada por unha redacción única que conforman profesionais de Radio Galega, Radio Nacional de España, Onda Cero, RadioVoz, Radio Coruña-Cadena Ser, Radio Marca, COPE e Intereconomía.

No escenario estarán os actores Luis Iglesia e Carmen Méndez, os divulgadores Jorge Mira e Deborah García Bello e o xestor cultural David Barro. Contaremos coa música de Rosa Cedrón e Jorge Casal, o grupo Octopus Garden e o barítono Borja Quiza. Con el e co compositor Juan Durán achegarémonos ao 250 aniversario do primeiro Teatro da Ópera na Coruña. E conmemoraremos o centenario do Pazo Municipal da Coruña, co alcalde Manuel Puga y Parga, ‘Picadillo‘ representado polo guía e historiador Suso Martínez. Todo, nun programa dinámico e divertido que contará con entrevistas inusuais e o humor de David Perdomo e o dúo Os Entendidos.

Asperga naceu no ano 2006 co obxectivo de concienciar á poboación sobre a existencia da síndrome de Asperger e as súas verdadeiras características, e de contribuír a unha atención sanitaria, educativa e laboral adecuada ás necesidades destas persoas. Para contribuír á mellora da súa calidade de vida e a das súas familias, conta con dous centros sanitarios, na Coruña e Santiago, nos que ofrece terapia individual e grupal, ademais de realizar valoracións diagnósticas de casos con sospeita deste trastorno.

A entrada ao programa é libre, con donativo voluntario. Haberá un posto de venda de material para axudar a Asperga. A iniciativa xa está aberta a colaboracións a través dunha fila cero:

ES57 2100 1786 9202 0014 7208 (CaixaBank)

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Uncategorized coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.