A Radio Conta celebra o 40 aniversario de Aspace

A Radio Conta A 01No ano 2013 A Radio Conta converteuse no primeiro programa de radio da historia de España en unir emisoras públicas e privadas da cidade da Coruña nunha emisión solidaria conxunta. Chegamos a 2017 cunha dobre efeméride: no noso quinto ano, conmemoramos o 40 aniversario de Aspace Coruña.

Profesionais de Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena SER, COPE, Radio Marca, RadioVoz, Onda Cero, e, como novidade, Radio Intereconomía Coruña formarán unha redacción única, nun programa en directo con moitas sorpresas. Contaremos coa música da Tuna de Veteranos, Sisters In The House, Voodoo e Iago Gordillo. Acompañarannos convidados como o actor Manuel Burque, o cirurxián Diego González Rivas, os cociñeiros Pablo Pizarro e Iria Espinosa de Coruña Cociña ou a profesora Rosario Martínez, que nos achegará a figura da xornalista Sofía Casanova. Todo, aderezado co humor de David Perdomo, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Marcos Pereiro. Esta quinta edición estará dedicada á memoria de Angel Gómez Hervada, quen apoiou activamente este proxecto solidario desde o principio.


Será o sábado, 30.12.17 entre as 17 e as 20h no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A entrada é libre, con donativo voluntario. O programa poderase seguir en toda Galicia a través das frecuencias de Radio Galega e Radio 5.

Aspace Coruña traballa desde hai 40 anos para que as persoas con parálise cerebral e as súas familias teñan unha vida o máis leda posible, e proporciónalles os servizos e actividades que precisen para conseguilo. Actualmente, a entidade atende a 109 usuarios no seu complexo do lugar de Osedo (Sada), con dúas residencias, un centro de día e un centro educativo. Entre os seus proxectos están a construcción dun parque adaptado para nenos e outro biosaludable para adultos; a dotación de axudas técnicas para a vida diaria como guindastres ou unha bañeira-padiola; o acondicionamento dunha das residencias, afectada pola humidade e o paso do tempo e unha nova central de teléfonos para poder comunicar os diferentes despachos e zonas de tratamento da asociación.

A iniciativa está aberta a colaboracións nunha fila cero, a través do número de conta:

ES31 2100 4202 1122 0001 1474 (Caixabank)

Advertisements
Publicado en Uncategorized

A RADIO CONTA CONTIGO

📻 No noso quinto ano, conmemoramos os 40 de Aspace Coruña
📆 Sábado 30 de decembro de 2017 ás 17h no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

Aspace 40 anos

Publicado en 2017

🔊 AUDIO: IV edición de A Radio Conta 03/01/17 por Agalure

Escoita ou descarga o programa A Radio Conta, emitido desde o Teatro Rosalía Castro da Coruña o 03/01/17:

Primeira parte (17:30-18:30)
Segunda parte (18:30-19:30)
Terceira parte (19:30.20)

Publicado en 2017

Este martes, o Rosalía ‘arde’ en festa solidaria

Celébrase a IV edición de A Radio Conta no 150 aniversario do incendio que destruíu o teatro

O martes, 3/01/17 de 17:30 a 20h, o Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá a cuarta edición da Radio Conta, o programa que, con entrada libre, une sete emisoras públicas e privadas nunha mesma edición solidaria. Desta volta, a cita servirá tamén como homenaxe ao teatro local, posto que nesta data se cumpren, precisamente, 150 anos do incendio que destruíu o edificio.

Foi na noite do 3 ao 4 de xaneiro do 1867 cando as instalacións do Rosalía, daquela coñecido como Teatro Principal, se viron afectadas por un grande incendio que só deixou en pé os muros exteriores do edificio. Un ano despois, completaríase a restauración, despois de fracasaren os intentos de construír un novo teatro noutra zona da cidade.

Neste histórico escenario, profesionais de Onda Cero, RadioVoz, RNE, COPE, Radio Galega, Radio Coruña-Cadena SER, e Radio Marca volverán formar unha redacción única, nun programa en directo que contará coas actuacións de Os da Ría, Curtis e Teixeiro (Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez), Sito Sedes, Cántigas da Terra e Sés. Ademais, acompañaranos convidados especiais coma o actor Martiño Rivas, o polifacético Paco Lodeiro, o alcalde herculino, Xulio Ferreiro, ou xornalistas galegos no exterior como Arturo Lezcano, Xaime Arias e Sabela Romar.

Asemade, o programa do martes contará con profesionais e beneficiarios da Asociación Agalure, á que este ano A Radio Conta dedica o programa. Agalure loita e educa contra a ludomanía e outras adiccións sen substancia desde hai máis de 20 anos na Coruña. Entre o seu labor está tratar e previr o abuso de máquinas recreativas, apostas deportivas, xogo (poker, casinos, lotería, en rede…) ou compras compulsivas.

A ludomanía aumenta a un ritmo espectacular. As peticións de axuda durante o ano que vén de rematar aumentaron case un 74% respecto ao 2014, e no 2016 a entidade realizou máis de 2600 consultas, practicamente o dobre que hai dous anos. Un dos asuntos que preocupan é a baixada da idade media das persoas atendidas (34,8 anos) e a vulnerabilidade dos menores respecto a tendencias en alza, como xogo en rede ou apostas deportivas. Nos últimos meses, Agalure detectou o caso dun neno de 11 anos que gastara 4.000 euros en xogos a través do móbil. A Radio Conta analizará a dimensión do problema con expertos coma o presidente da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados, Maxi Gutiérrez.

Asistir ao programa é de balde e haberá a posibilidade de facer donativos voluntarios e comprar produtos, como unha camiseta conmemorativa, no teatro. Así mesmo, a iniciativa está aberta a colaboracións nunha fila cero, a través do número de conta da asociación:

ES67 2100 5827 0002 0004 5904 (La Caixa)

Máis información:

Facebook

Twitter

Correo electrónico

Publicado en 2016